Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

SOS Ferrolterra: nova manifestación o 27 de xuño

  • A mobilización comezará ás 11:30 na ponte das Pías. Partirán marchas desde San Valentín e desde a antiga estación de servizo do Montón, na entrada da ponte

O próximo domingo, 27 de xuño, haberá unha nova manifestación ante a «situación límite» que padecen as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG denuncian a falta de resposta das Administracións ante os «graves problemas» que padece esta parte do territorio galego.

25/06/2021.
Un momento da manifestación que tivo lugar durante a folga da comarca de Ferrol (10/3/2021)

Un momento da manifestación que tivo lugar durante a folga da comarca de Ferrol (10/3/2021)

Ferrolterra soporta unha taxa de desemprego que no 2020 chegou ao 19 %, catro puntos por riba da media galega. Especialmente grave é a situación no sector industrial, na mocidade e nas persoas desempregadas de longa duración.

A destrución de emprego e a falta de expectativas tradúcense no devalo poboacional, entre a emigración e a caída da natalidade. «Levamos moito tempo, anos e mesmo décadas, demandando solucións de futuro con garantías para as nosas comarcas», advirten CCOO, UGT e CIG.

O pasado 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, as tres organizacións convocaron unha folga xeral na comarca para esixir solucións. «É a nosa obriga como sindicatos de clase atender a canalizar o que a clase traballadora de Ferrol, Eume e Ortegal precisa: horizontes de futuro para vivirmos e traballarmos na nosa terra», salientan.

Ferrolterra encamíñase cara a un «ermo industrial», onde aos peches das principais empresas —Endesa, Gamesa, Noa Madera— se suman a incerteza do sector naval —con despedimentos por centos nas auxiliares— e as «liortas entre as Administracións» sen que cheguen solucións concretas. Isto máis a sucesión de ERE e ERTE na bisbarra «converterán unha crise sistémica nunha desertización industrial irreversible».